A Denominación de Orixe Rías Baixas celebra un túnel do viño en Girona con 69 marcas de 27 adegas


É a primeia vez que o Consello Regulador organiza esta actividade en Girona, onde agarda a asistencia de medio milleiro de profesionais do sector.

29 de maio de 2017.- A Denominación de Orixe Rías Baixas celebra hoxe un Túnel do Viño no Hotel Carlemany de Girona, ao que espera que asistan uns 500 profesionais do sector. Un acto no que participan un total de 69 marcas pertencentes a 27 adegas inscritas na Denominación de Orixe, que está representada polo secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, e a responsable do Departamento de Márketing, Eva Mínguez.

Esta é a primeira ocasión en que o Consello Regulador leva esta actividade a Girona. “Dentro da estratexia de promoción para este ano decidimos incluír dúas cidades nas que non estiveramos con anterioridade para celebrar un Túnel do Viño. Unha delas é Girona e escollémola porque conta cunha excelente restauración, que sempre debe ir acompañada por viños de primeira calidade, como os de Rías Baixas”, indica Eva Mínguez. Neste sentido, a responsable do Departamento de Márketing concretou que “Girona é un mercado potencial moi interesante para os nosos viños, polo que consideramos conveniente mostrar os nosos produtos amparados e aproveitar a ocasión para intercambiar impresións cos profesionais desta cidade”.

Así, o espazo expositivo disposto no Salón Carlemany estará aberto en horario de 11:30 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas para facilitar a asistencia de todos os interesados. Os numerosos profesionais que se achegaron ao Túnel do Viño durante esta mañá mostráronse altamente sorprendidos pola ampla variedade de elaboracións existentes dentro desta Denominación de Orixe.

Un mercado potencial

De acordo co último Informe Nielsen, Cataluña é un dos mercados en alza da Denominación de Orixe Rías Baixas. Non en balde, a consultora indica que esta zona, incluída na área 1, é un nicho de mercado a explotar.
Especialmente relevante é o mercado da área Metropolitana de Barcelona, un dos máis importantes dentro do territorio español para esta Denominación de Orixe. Non en balde, Eva Mínguez adianta que “a finais do próximo mes realizaremos a presentación da colleita 2016 na Cidade Condal”, unha iniciativa que complementará o Túnel do Viño que se celebra hoxe en Girona.