A Denominación de Orixe Rías Baixas organiza tres webinars centrados en márketing e vendas dixitais


O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas reforza a formación ás súas adegas a través da organización de tres webinars, centrados en aspectos de márketing e vendas dixitais. Ditas sesións celebráronse os días 25 de xuño, 2 e 9 de xullo. A primeira xornada titulouse a “Transformación dixital en márketing e vendas para a D.O. Rías Baixas”, a segunda delas “Estratexia de Medios” e a terceira “Obxectivos de medios no mundo dixital”. Esta formación online foi impartida polas empresas Avante Medios e Roi Scroll. A directora do departamento de márketing, Eva Mínguez, explicou que “estas iniciativas suscitaron interese entre as nosas adegas rexistradas, que buscan con eles fortalecer estes aspectos do seu traballo”. “Transformación dixital en márketing e vendas para a D.O. Rías Baixas” mostrou as posibilidades de xerar negocio a través das canles dixitais, así como de minimizar situacións económicas como a actual. “Estratexia de Medios” tivo como finalidade a análise de mercado e a competencia, a definición do público obxectivo, así como dos obxectivos de medios e, finalmente, o timing e ámbito das campañas para desenvolver. “Obxectivos de medios no mundo dixital” serviu para coñecer as diferentes modalidades de contratación. A compra programática, as ferramentas de compra de medios dixitais, a tipoloxía de soportes e formato dixital, ad- server e DMP, e a plataforma de venda on- line: Amazon completaron o programa deste último webinar.