A D.O. Rías Baixas celebra, por terceiro ano consecutivo, o Día Movimiento Vino D.O.


11 de maio de 2019-. O Día Movimiento Vino D.O. celébrase hoxe por terceiro ano consecutivo. Unha vez máis, a Denominación de Orixe Rías Baixas uniuse a este brinde colectivo desde a Praza do Castelo de Salvaterra do Miño, coa actuación do grupo pontevedrés La Casa de los Ingleses. Ademais, co gallo da celebración do Día Movimiento Vino D.O., o Museo da Ciencia do Viño de Salvaterra abre as súas portas durante toda a xornada de balde.

A xornalista María Bueno foi a encargada de presentar este acto. O brinde esstivo oficiado polo secretario xeral da D.O. Rías Baixas, Ramón Huidobro, quen nesta terceira edición quixo reivindicar o papel dinamizador das denominacións de orixe nas zonas rurais; no caso de Rías Baixas xerando riqueza e desenvolvemento económico nas súas cinco subzonas (Condado do Tea, Ribeira do Ulla, O Rosal, Soutomaior e Val do Salnés), ofrecendo oportunidades laborais e proxectos de vida ás futuras xeracións e fixando así poboación no rural. O secretario xeral tamén destacou os beneficios ambientais de traballar a viña, promovendo ecosistemas positivos e preservando a biodiversidade.  

O DÍA MOVIMIENTO VINO D.O. está concebido como unha xornada festiva, popular e participativa na que o gran protagonista será o viño con D.O.. O acto central é un gran brinde colectivo ás 13:30 horas, no que milleiros de persoas á vez, desde distintos puntos da xeografia, brindan simultaneamente polo viño con D.O. Trátase dun sinxelo xesto co que poñer en valor a calidade e a diversidade deste produto e achegalo a aqueles que aínda non o descubriron.

Esta xornada está impulsada por 29 denominacións de orixe de España. Esta cifra supón un récord de participación respecto a edicións anteriores e reflicte o compromiso das DDOO por poñer en valor os viños de calidade da súa zona, así como os valores ligados aos vinos con D.O.: calidade, diversidade, autenticidade, arraigo cultural, seguridade alimentaria, estilo de vida saudable, protección do medio ambiente. As denominacións de orixe que participan nesta edición do DÍA MOVIMIENTO VINO D.O. son: Almansa, Arlanza, Binissalem, Bullas, Calatayud, Catalunya, Cigales, Condado de Huelva, Jumilla, La Mancha, Lanzarote, León, Monterrei, Montilla-Moriles, Navarra, Pla i Llevant, Rías Baixas, Ribera del Guadiana, Ribeira Sacra, Ribeiro, Rueda, Rioja, Tacoronte-Acentejo, Toro, Uclés, Valdepeñas, Valencia, Vinos de Madrid e Yecla.

Os programas e lugares de celebración das 29 denominacións de orixe que participan neste Día poderán seguirse a través da páxina web de Movimiento Vino D.O. e nas redes sociais a través do cancelo #DíaMovimientoVinoDO.