A D.O. Rías Baixas culmina o seu roadshow por Asia cun showroom en Singapur


14 de xuño de 2019.- A Denominación de Orixe Rías Baixas culminou en Singapur o seu roadshow por Asia, unha nova acción promocional na que conta co apoio da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, dentro do Plan Internacional de Promoción no marco do Programa Operativo de Crecemento Intelixente, para o periodo 2014-2020.

O secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, e a responsable do departamento de mercadotecnia, Eva Mínguez, estiveron presentes na xornada. O showroom, que se desenvolveu no Hotel Andaz Singapore, serviu para amosarlles aos profesionais do sector un total de 43 referencias pertencentes a 11 adegas. La actividad iniciouse cunha clase maxistral a cargo da Master of Wine Annette Scarfe, na que explicou as características diferenciadoras do territorio da D.O. Rías Baixas e dos seus viños.

A continuación tivo lugar un almorzo networking, no que os representantes das adegas participantes puideron establecer contactos cos profesionais do sector. A xornada completouse cunha degustación das diferentes marcas presentadas nesta iniciativa. As propostas foron moi ben acollidas polos profesionais asiáticos, interesados en descubrir máis detalles sobre os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas co fin de incorporalos ao seu portfolio de produtos.

Un mercado en auxe

O mercado asiático resulta de máximo interese para os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Por iso, o Consello Regulador conta cun plan promocional específico para o continente.

O pasado ano exportáronse a Asia 176.616,50 litros de viño por un valor de 1.132.785,82 euros. Estas cifras supoñen un incremento dun 2,4% en volume e dun 8,5% en valor con respecto ao exercicio precedente.

Dentro do mercado asiático, destaca especialmente as vendas efectuadas a destinos como Xapón. Alí exportáronse un total de 84.569 litros o pasado ano por un valor de 514.378,78 euros. Significativas tamén son as vendas en China, con 47.778,50 litros enviados por un valor de 49.533,95 euros.