A D.O. Rías Baixas inicia unha nova edición do seu curso de inglés do viño dirixido ás adegas


16 de decembro de 2019.- A Denominación de Orixe Rías Baixas iniciou esta mañá unha nova edición do Curso de Inglés para Adegas da D.O. Rías Baixas no Pazo de Mugartegui. Este acto de formación vén da man de Andrew Black, profesor de idiomas especializado no sector do viño, quen impartirá novas destrezas en lingua inglesa aos 14 alumnos, pertencentes a distintos departamentos das adegas inscritas e tamén do sector profesional.

Andrew Black dedicou a xornada de hoxe ás prácticas vitícolas no viñedo da D.O. Rías Baixas (sistema de condución, poda...). Como explicar a filosofía de viticultura ecolóxica nun clima húmido; a importancia dos solos; viñedos propios ou non, vantaxes e inconvintes; ou tamén a selección de uva forman parte do temario.

A influencia no perfil dos viños, tanto da variedade como do clima, nas cinco subzonas centrará a segunda xornada formativa. Ademais achegaranse nocións sobre como explicar aos visitantes as características aromáticas e gustativas dos viños brancos en xeral a través dunha cata, así como as cualidades dun viño de Rías Baixas.

O mércores, derradeiro día, centrarase en como realizar unha visita guiada, presentar a adega e o viño nuns minutos, recomendar maridaxes, así como en explicar a relación calidade-prezo.

Este curso, que xa está incluído no calendario anual de actividades da denominación, convertiuse nunha ferramenta moi necesaria para as adegas de Rías Baixas á hora de recibir as visitas de profesionais estranxeiros do sector. Do mesmo xeito, achega unhas destrezas básicas para a participación en feiras internacionais, así como en diferentes eventos que se organizan en distintos países.