A D.O. Rías Baixas, nominada como rexión vitivinícola do ano pola prestixiosa revista Wine Enthusiast


A revista Wine Enthusiast acaba de dar a coñecer  os nomeados aos galardóns Wine Star 2020, entre os que se atopa a Denominación de Orixe Rías Baixas que opta a converterse na Rexión Vitivinícola do Ano. Os gañadores da 21 edición destes premios anuais serán desvelados o próximo 11 de novembro. Este recoñecemento, que coloca a Rías Baixas entre as mellores rexións vitivinícolas do mundo, supón xa un premio ao esforzo do sector por elaborar estes viños brancos atlánticos cunha variedade autóctona que alcanza a súa máxima expresión nas cinco subzonas que integran esta denominación.   “Este nomeamento é un recoñecemento á traxectoria de todo o sector de Rías Baixas, adegueiros e viticultores,” explica Eva Mínguez, directora de márketing do Consello Regulador, para quen “esta mención non podía chegar en mellor momento. A pesar da COVID-19 e dos aranceis de Estados Unidos, os viños de Rías Baixas mostran a mellor das súas caras e son recoñecidos polo consumidor e os profesionais estadounidenses o que nos dá forzas por continuar dándonos a coñecer e conquistar novos mercados”. Non en balde, Estados Unidos é o primeiro mercado internacional no que se venden os viños desta Denominación, e que representa o 28% das vendas dos Rías Baixas, con 2.254.260,00 litros exportados no exercicio 2019. De feito, o primeiro plan promocional internacional que realizou este Consello Regulador foi a este mercado hai máis de 15 anos. Nel participan un total de 52 empresas. Promoción en Estados Unidos  Este nomeamento é o resultado da intensa promoción da D.O Rías Baixas no mercado estadounidense. Precisamente, os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas continúan conquistando ao público estadounidense a través do seu plan promocional que vén desenvolvendo con éxito nas últimas dúas décadas.  De feito, Newport e Boston protagonizaron tres eventos promocionais en setembro. Os festivais exclusivos, Newport MansionsWine e FoodFestival Newport Rhode Island, resultaron todo un éxito de participación. A eles hai que sumarlle a cata maridaxe virtual en colaboración co Restaurante Davio’ s de Boston, dirixida a 40 convidados VIP da tenda especializada en viños Urban Grampe. Estes eventos congregaron a preto de 150 persoas entre os que se atopaban os mellores profesionais do sector local. Para poder desenvolver estas propostas, a empresa organizadora actualizou as súas programacións ás regulacións e medidas de seguridade necesarias pola COVID-19 para que os actos desenvolvésense dunha maneira segura e exitosa.
  • Copiar