A D.O. Rías Baixas recibe a visita de catro profesores de escolas de alta restauración de Suíza


15 de outubro de 2019.- Un grupo de catro profesores de escolas de alta restauración de Suíza visitan desde onte a D.O. Rías Baixas. O obxectivo desta viaxe é ofrecerlles a estes profesionais e prescriptores uns coñecementos máis profundos sobre esta Denominación de Orixe e os seus viños, de xeito que poidan transmitir todo o aprendido ao seu alumnado.

O percorrido pola D.O. Rías Baixas comenzou na sede do Consello Regulador, o Pazo de Mugartegui (Pontevedra). Alí recibiron unha breve presentación técnica sobre as principais características diferenciadoras da propia Denominación de Orixe e dos seus viños amparados. Tras esta introdución comezaron as visitas a adegas. Nestas dúas xornadas percorrerán seis, localizadas en tres subzonas.

Suíza é un dos mercados externos de interese para a D.O. Rías Baixas, situándose entre os quince primeiros. En 2018 vendéronse alí 132.001,50 litros por un valor de 568.546,86 euros.

Entre as accións promocionais que se desenvolven nese país atópanse misións inversas como a que se está desenvolvendo esta semana e que se dirixen a prescriptores. O principal fin é seguir ampliando o coñecemento sobre estes viños atlánticos entre os profesionais do sector.

Participantes

  • Vincenzo Aiosi: Instructor de F&B en Les Roches Global Hospitality Education. Este centro atópase no terceiro posto do ranking das mellores escolas de hostelería. Conta con tres campus, en Suíza, Marbella e China, e con entre 1.000 e 1.200 alumnos de máis de noventa nacionalidades.
  • Gildas L’Hostis: Profesor Sénior da Ecole Hoteliere Lausanne. Fundada en 1893, é unha das máis prestixiosas escolas de hostelería do mundo. Acoden a ela uns dous mil estudantes de máis de 100 nacionalidades (a maioría de Asia) e colaboran con escolas de hostelería de todo o mundo.
  • Hans Bättig: Responsable do curso de enoloxía e especialista en catas sensoriais da ZHAW School of Engenineering. Trátase dunha das escolas técnicas líder en formación e investigación. Nos seus tres campus (Winterthur, Zürich e Wädenswil) suma uns doce mil estudantes. Colaboran no desenvolvemento de intercambios con dezaseis escolas internacionais e o seu profesorado procede de ata trinta e cinco países distintos.
  • Christian Baur: Exresponsable do curso de enoloxía da Schweizerische Hotelfaschule Luzern SHL. Esta escola foi creada en 1909 e é un dos centros de hostelería líder en Suíza. Conta con aproximadamente seiscentos estudantes, o 90% do propio país. A pesar de estar xubilado como profesor, Baur segue na escola e ocúpase, entre outros, dos exalumnos. Trátase dun profesional moi respectado no sector do viño en Suíza e actúa de referente para moitos importadores.