A hostalería belga interésase polos viños da D.O. Rías Baixas


16 de outubro de 2019.- Trece alumnos belgas da Escuela Ter Duinen, acompañados por dous profesores, visitan por terceira vez a D.O. Rías Baixas para afondar nas súas competencias sobre estes viños atlánticos.

O coñecemento ‘in situ’ da denominación levounos a percorrer estes días tres das súas subzonas (Condado do Tea, O Rosal e Val do Salnés) con visitas a diferentes adegas e viñedos. O interese desta Escuela de Hostelería, que se atopa entre as máis importantes do país, queda patente tras a súa proclamación como gañadora do premio do concurso mellor xoven sumiller “RBX Ambassador” 2019, organizado en Gante.

Isto demostra que as visitas á D.O., así como os seminarios protagonizados por estes viños atlánticos, deron os seus froitos. O crecente interese do mercado belga polos Rías Baixas durante os últimos anos levouno a ocupar a décima posición dentro do top-ten das exportacións, concretamente con 138.603 litros vendidos en 2018, que se traduciron en 783.309 euros. A iso hai que engadir que Bélxica aumentou a súa compra de viños de Rías Baixas nun 93% con respecto ao exercicio anterior.

Por iso, BENELUX conta cun plan de exportación propio desde hai anos neste Consello Regulador. Precisamente a principios de setembro varios prescriptores procedentes dos Países Baixos protagonizaban unha misión inversa coincidindo cos preparativos para a vendima 2019. A este tipo de accións súmanse os numerosos seminarios sobre os viños de Rías Baixas que ao longo do ano se desenvolveron en diferentes Écoles Hótelieres dese territorio, e en distintas delegacións da Vlaamse Wijngilde, considerada a maior alianza flamenca de catadores con 2.400 membros.