A hostelería belga interésase polos viños da D.O. Rías Baixas


16 de outubro de 2019.- Trece alumnos belgas, acompañados por dous profesores, da Escola Ter Duinen visitan por terceira vez a D.O. Rías Baixas para profundar nas súas competencias sobre estes viños atlánticos. O coñecemento ‘in situ’ da denominación levounos a percorrer estes días tres das súas subzonas (Condado do Tea, O Rosal e Val do Salnés) con visitas a diferentes adegas e viñedos.

O interese desta Escola de Hostelería, que se atopa entre as máis importantes do país, queda patente tras a súa proclamación como gañadora do premio do concurso mellor xoven sumiller “RBX Ambassador” 2019, organizado en Gante. Isto demostra que as visitas á D.O. así como os seminarios protagonizados por estes viños atlánticos, dan os seus froitos.

O crecente interese do mercado belga polos Rías Baixas durante os últimos anos levouno a ocupar a décima posición dentro do top-ten das exportacións, concretamente con 138.603 litros vendidos en 2018, que se traduciron en 783.309 euros. A iso hai que engadir que Bélxica aumentou a súa compra de viños de Rías Baixas nun 93% con respecto ao exercicio anterior.