O Consello Regulador organiza un showroom e túnel do viño na cidade inglesa de Leeds


Un total de 19 adegas participan nesta xornada, con actividades específicas para profesionais e consumidor final.

13 de xuño de 2017.- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas organiza hoxe unha xornada promocional na cidade inglesa de Leeds, denominada The Great Northern Albariño Show Case. A iniciativa permite achegar a profesionais e consumidores finais unha ampla representación de viños amparados, coa participación de 19 adegas inscritas. O secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, e a responsable do Departamento de Márketing, Eva Mínguez, desprazáronse á cidade de Leeds para participar nesta acción promocional.

O restaurante Ibérica acolle desde as 11:00 horas (hora inglesa) o evento, que finalizará ás 17:00 horas. Está prevista a asistencia de 60 profesionais do sector a esta cita que se compón dun showroom protagonizado por 8 adegas e dun Túnel do Viño no que se mostran 18 marcas pertencentes a 11 adegas.

Os profesionais asistentes aprecian a oportunidade de catar unha representación de marcas e elaboracións tan ampla. Todos mostraron interese polos distintos viños presentados hoxe, indica Eva Mínguez.

Pola tarde desenvolverase un evento dirixido especificamente ao consumidor final. Neste caso, as 50 entradas que se puxeron á venda para esta actividade esgotáronse en moi pouco tempo. Isto demostra o amplo interese que os consumidores ingleses teñen polos viños de Rías Baixas, concreta a responsable do Departamento de Márketing.

Segundo mercado exterior

O Reino Unido é o segundo mercado exterior dos viños de Rías Baixas. O pasado ano exportáronse a este país un total de 1.067.483,05 litros de viño, o que supón un incremento do 7,6% con respecto ao exercicio anterior. En canto a valor, as exportacións a este país superaron os 5,1 millóns de euros. O incremento con respecto aos datos de 2015 é dun 10%.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas conta cun plan de promoción específico neste país. Ademais da participación en citas de referencia do sector como a London Wine Fair, tamén se desenvolven outro tipo de iniciativas como seminarios formativos para profesionais ou actividades dirixidas a consumidor final. Para este ano, ademais, están previstas dúas misións inversas de prescriptores ingleses para os meses de setembro e outubro.