Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas afianzan o seu prestixio como marca de calidade no exterior
As exportacións subiron durante 2016 un 11,79% en valor Estados Unidos e Reino Unido seguen á cabeza como principais mercados no exterior
3 de marzo de 2017.-A Denominación de Orixe Rías Baixas continúa imparable o seu afianzamento como marca de prestixio nos mercados exteriores, como así o testemuñan as cifras de exportacións alcanzadas durante o pasado ano 2016.
O valor total das exportacións dos viños de Rías Baixas experimentou durante 2016 un aumento do 11,79% con respecto a 2015, superando os 33 millóns de euros de facturación. Do mesmo xeito, tamén se rexistrou un incremento do 10,45% no volume, alcanzando as 8.536.938 botellas exportadas. A evolución das exportacións nesta denominación contribúe á imaxe de calidade de Galicia a nivel internacional.
Os alentadores resultados de 2016 supoñen a recompensa ao constante e intenso traballo realizado polo conxunto da Denominación de Orixe Rías Baixas. Das 183 adegas adscritas, son 103 as que actualmente se atopan en plans de exportación. Ao traballo e investimento individual realizados por todas e cada unha delas hai que sumar as campañas de promoción exterior desenvolvidas desde o Consello Regulador. A firme aposta por estender o coñecemento e o prestixio dos viños de Rías Baixas materialízase en plans promocionais específicos nos principais destinos exportadores -Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, México, Irlanda, BENELUX ou Xapón, entre outrosademais de accións concretas en mercados emerxentes.
Froito de todos estes esforzos, as exportacións mantéñense no 28% das vendas totais de viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, que o pasado ano alcanzaron os 22.965.703 litros de viño comercializados. Uns resultados que veñen avalados por uns produtos da máis alta calidade e que demostran o compromiso do sector, viticultores e adegas, na súa aposta pola excelencia.
EXPORTACIÓNS POR DESTINOS
| País | Volumen 2015 | Volumen 2016 |
1 | Estados Unidos | 2.084.955,49 litros | 2.468.535,50 litros |
2 | Reino Unido | 991.797,50 litros | 1.067.483,05 litros |
3 | Alemania | 595.847,55 litros | 524.343,75 litros |
4 | Puerto Rico | 307.438 litros | 313.809,00 litros |
5 | México | 246.815 litros | 250.897,00 litros |
6 | Holanda | 207.400,75 litros | 247.683,50 litros |
7 | Irlanda | 141.280,75 litros | 182.796,25 litros |
8 | Japón | 165.420 litros | 147.685,50 litros |
9 | Suiza | 113.333,25 litros | 138.802,75 litros |
10 | Bélgica | 92.077,25 litros | 80.835 litros |
| Resto de países | 850.043,21 litros | 979.832,15 litros |
| TOTAL | 5.796.408,75 litros | 6.402.703,45 litros |