Os viños de Rías Baixas reúnen a máis de 250 profesionais durante dos showrooms: en Cidade de México e Cancún


Os viños de Rías Baixas protagonizaron varios eventos esta semana en diferentes países. México e Alemaña foron os destinos elixidos nos que as marcas da D.O. mostraron as súas calidades a profesionais do sector. En México a través de dous showrooms con profesionais, e en Alemaña cunha cata coa Asociación de Catadoras.

A D.O. Rías Baixas organizou este martes e xoves dous  Showrooms en México que reuniron a máis de 250 profesionais do sector mexicano. As cidades elixidas foron Cidade de México e Cancún, respectivamente.

Un total de 21 adegas participaron nestes dous eventos, que contaron co apoio da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, e que resultaron todo un éxito. Ata alí desprazáronse o secretario xeral do Consello e a directora de marketing, Ramón Huidobro e Eva Mínguez, que puideron comprobar persoalmente o interese crecente que seguen espertando os viños de Rías Baixas no mercado mexicano. A gastronomía local cos seus famosos tacos e a súa maridaxe con estes viños atlánticos foi o eixo  vertebrador desta actividade que comezaba en Cidade de México e desprazábase á zona de praia, concretamente a Cancún.

México é o oitavo mercado en relevancia dos viños de Rías Baixas a nivel internacional. En 2021 vendéronse a ese país un total de 283.299,50 litros, un volume que se incrementou o ano pasado nun 42,76%. Na actualidade 41 adegas desta denominación venden ao devandito mercado que conta cun plan promocional específico que está a dar moi bos resultados.

Cata en Alemaña

A D.O. Rías Baixas tamén foi protagonista dunha cata no Sommelier Campus da Asociación de Catadoras alemá, que se celebrou esta semana en  Würzburg. Este seminario, que colgou o cartel de cheo, contou con 49 catadores da devandita asociación os cales desenvolven a súa profesión no ámbito de restauración ou en comercio. 

Debido ao alto nivel de coñecemento destes profesionais da sumillería, David Schwarzwälder puido desenvolver unha clase maxistral sobre os viños desta denominación. De feito a modo introdutorio realizouse unha pormenorizada descrición da D.O. Rías Baixas e a súa evolución. Posteriormente tivo lugar unha cata comentada detallada de cada un dos viños participantes. Ata o punto de que en cada marca comentouse o seu matiz diferenciador e as características propias da subzona da D.O. Rías Baixas á que pertencía dito viño.

Alemaña foi o sétimo mercado exterior dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas durante o exercicio de 2021. O pasado ano exportáronse a ese país un total de 307.495,26 litros. As responsables destas vendas foron 64 adegas da denominación. Para apoialas este Consello Regulador desenvolve desde hai anos un completo plan promocional específico no devandito país.