Unha vintena de prescriptores alemáns, de ruta pola D.O. Rías Baixas


29 de maio de 2019.- Un grupo de 20 prescriptores alemáns visitan estes días a Denominación de Orixe Rías Baixas. Alemaña foi o quinto mercado de exportación dentro desta denominación no exercicio de 2018, de aí o interese desta misión inversa. Xornalistas especializados, sumilleres, importadores, profesores, enólogos, responsables de compras e de bares, tendas e de compras online forman este grupo de profesionais alemáns que se desprazaron ata Rías Baixas, acompañados do xefe do departamento de viño da Oficina Económica e Comercial de España en Düsseldorf, onde coñecerán adegas e viñedos de diferentes subzonas como son a do Salnés, Condado do Tea e O Rosal.

Este grupo visitará un total de sete adegas, repartidas por diferentes áreas da denominación. Esta mañá comezaron a súa andaina pola D.O. Rías Baixas no Pazo de Mugartegui cunha charla introductoria, impartida por un técnico do Consello Regulador. Seguidamente desprazáronse ata O Salnés, onde puideron coñecer dúas adegas, así como o seu característico viñedo en emparrado. Tamén aproveitaron para comprobar como se vive a floración nesta denominación. A xornada de traballo finalizou cun paseo en barco pola ría de Arousa.

Mañá centrarán a súa visita en tres adegas da subzona de Condado, onde descubrirán as características propias da viña e das súas elaboracións.  O venres, último día desta misión inversa, dedicarán a xornada a coñecer a subzona do Rosal.

Alemaña é un dos mercados de maior interese para a Denominación de Orixe Rías Baixas. De feito, o Consello Regulador conta cun plan promocional propio, no que está incluída esta visita así como a participación anual na feira Prowein, entre outras actividades. En 2018 vendéronse ao país alemán 288.541,64 litros de viño da D.O. Rías Baixas,  un volume que se incrementou nun 11,8 % respecto ao anterior exercicio.