A XXXI Cata Concurso Rías Baixas Albariño de Cambados constata a elevada calidade dos viños desta colleita


2 de agosto de 2019.- Integrantes do xurado da XXXI Cata Concurso Rías Baixas Albariño destacaron a elevada calidade dos viños da colleita 2018. Esta mañá avaliaron os trece viños seleccionados para a Cata Derradeira celebrada hoxe, resultado da Cata Prima de onte, á que se presentaran 59 marcas.

Como integrante do panel de cata externo, Maite Lapresta, directora da revista Sobremesa, constata que este certame “demostra a solidez dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas”. Lapresta sostén que “o albariño confírmase como unha variedade incrible, é a estrela no panorama dos viños brancos de España e coa súa capacidade de garda sitúanos entre os mellores viños brancos do mundo”. “Incriblemente limpos, tremendamente aromáticos e con sensacións en boca marabillosas” son os termos que esta profesional utiliza para comentar os viños catados entre onte e hoxe.

No mesmo sentido, Mara Sánchez, catadora e xornalista freelance que tamén formou parte do panel de cata externo, sinala o traballo realizado polas adegas da denominación para presentar viños “nos que atopas notas que ás veces non cabería agardar nun viño do ano”. Sánchez valora a homoxeneidade dos viños da Cata Concurso Rías Baixas Albariño.

Presentes no mesmo panel, os catadores e xornalistas Ignacio Pérez Lorenz (TVE) e Juan Manuel Ibáñez (Vino Selección) confirmaron que os trece viños da Cata Derradeira están nunha posición moi igualada e de alto nivel, polo que na colleita 2018 da D.O. Rías Baixas non será difícil atopar viños moi bos.  

Entrega de premios

A Cata Concurso Rías Baixas, que se realiza segundo a normativa da Organización Internacional do Viño (OIV), enmárcase nas actividades da LXVIII Fiesta do Viño Albariño Denominación de Orixe Rías Baixas. Das trece marcas valoradas hoxe sairán as tres marcas premiadas como os mellores Rías Baixas Albariño da Colleita 2018. Os premios serán entregados durante o xantar oficial do Capítulo Serenísimo, que terá lugar o domingo 4 de agosto no Pazo de Torrado.

O certame está organizado polo Consello Regulador da D.O. Rías Baixas e conta cun xurado integrado por 22 expertos, pertencentes tanto ao panel de cata interno deste Consello como a un externo, disposto para a ocasión e conformado por:

  • Maite Lapresta, directora da revista Sobremesa e integrante do comité de cata de Vinoselección e da Unión Española de Catadores, así como xurado de varios concursos como os Premios Baco.
  • Ignacio Pérez Lorenz, licenciado en Ciencias da Información, sumiller, experto catador e tamén xornalista especializado en gastronomía e vinos de TVE, traballa no Telediario e escribe o “Gastronomías” en rtve.es.
  • Raúl Serrano, prestixioso sumiller e catador, ademais de director de cata da revista 'Vivir el Vino' e do anuario de 'Vivir el Vino-365 vinos al año'.
  • Mara Sánchez Vicente, catadora e xornalista freelance do sector vinícola e gastronómico, escribe para El Confidencial, a guía de viños Proensa, Planeta Vino, Vozpopuli e Sobremesa.
  • Manuel Herrera y Coronado, catador e experto en viños, é  o artífice da adega Finca Herrera.
  • Andrés Sánchez Magro, maxistrado de profesión e crítico de viños no diario La Razón, colaborador en Intereconomía, ademais de ser propietario da enoteca Taberna Averías.
  • Jaime Bermúdez, director técnico, enólogo e director de compras de Vinoselección.
  • Juan Manuel Ibáñez, director de Vinoselección durante 10 anos e socio fundador da UEC, formou parte de importantes comités de cata.
  • Mikel Ceberio, crítico gastronómico do diario Deia e autor da súa propia guía de viños, fundou a revista Viandar da que foi director durante moitos anos. Colabora con varios medios de comunicación de radio, TV e prensa escrita e é colaborador do Basque Culinary Center.