Medio Natural


As Rías Baixas galegas son unha rexión privilexiada para o cultivo da vide. O seu clima, orografía e solo, máis as súas variedades de uva autóctonas, son factores que determinan o ecosistema vitivinícola dunha zona. Estas características definen e delimitan a vocación da Denominación de Orixe Rías Baixas para a obtención de viños de calidade.

O medio vitícola vén caracterizado pola conxunción de factores térmicos, hídricos e de iluminación, que poden integrarse en índices de maior ou menor complexidade. As cinco subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas (Condado do Tea, O Rosal, Ribeira do Ulla, Soutomaior e Val do Salnés) atópanse en zonas de máxima calidade, segundo o Índice Integral Térmico Eficaz, que mide a potencial calidade media dun enclave vitícola.

Clima

A Denominación de Orixe Rías Baixas está plenamente integrada na gran rexión Atlántica, cuxa divisoria é o trazo de Wagner (Wagner P., 1976). Por iso, os viños desta Denominación son denominados viños atlánticos.

Os invernos na Denominación de Orixe Rías Baixas están protagonizados por borrascas atlánticas do oeste e do suroeste, con frontes cálidas de aire frecuentemente tropical. Estas traen fortes precipitacións e son as determinantes dunhas temperaturas suaves e ata cálidas, con diferenzas moi pouco marcadas entre o día e a noite. Só as invasións de aire frío do Ártico, ou os períodos nos que os anticiclóns desvían cara ao norte as frontes borrascosas, poden ocasionar un descenso das temperaturas nocturnas suficiente como para que se produzan xeadas.

Unha idea da suavidade do inverno proporciónanola a temperatura media de xaneiro, o mes máis frío do ano, que oscila entre os 10 ºC na subzona do Rosal e os 9 ºC na Ribeira do Ulla. En canto ás precipitacións trátase dunha estación moi chuviosa: 600 dos 1.600 mm de media anuais recóllense no inverno.

A primavera nesta Denominación é precoz e chuviosa. Os perigos de orixe climática nesta estación son os danos por xeadas e o corremento de flor. O certo é que os riscos de xeadas son escasos. 

A principios do verán, o anticiclón das Azores instálase sobre o Atlántico occidental, impedindo o paso das perturbacións que, como máximo, se deslizan polo bordo norte de Galicia. Durante a época estival as precipitacións son pouco frecuentes e abundantes, e ademais as temperaturas mantéñense suaves grazas ao aire fresco. As tormentas de verán son escasas. Nesta estación, prodúcese unha importante seca edáfica favorecida polo descenso das precipitacións, o aumento da temperatura e por uns chans areosos que facilitan a infiltración.

Nos meses de outono as borrascas penetran, unha tras outra, propiciando unha estación moi chuviosa.

Orografía

É un factor de grande influencia no que respecta á tendencia á erosión e o grao de hidromorfia. Desde o punto de vista topográfico, o máis significativo da subzona Val do Salnés é o predominio de terras baixas. Nela atópase a chaira costeira máis desenvolvida de toda Galicia. Só en pequenos relevos residuais ou cara á periferia supéranse os 100 m de altitude.

Pola súa banda, nas subzonas do Condado do Tea e do Rosal, entre as que non é doado establecer unha separación nítida, a topografía caracterízase pola apertura morfolóxica do val do río Miño, en especial, a partir do municipio das Neves. Pero quizais o máis singular sexa a alternancia de interfluvios ou horst, e dos seus sucesivos afluentes como son os ríos Deva, Termes, Tea, Louro e Tamuxe. Son en xeral cursos fluviais de curto percorrido, que nacen na súa maioría na dorsal galega e que drenan pequenas depresións de dirección norte-sur orixinadas pola intensa fractura do terreo. Teñen en común un fondo plano e nos seus bordos escarpas rochosas a miúdo pronunciadas.

Os chans

O tipo de rocha predominante na Denominación de Orixe Rías Baixas, e case exclusiva, é o granito. Só unha estreita banda de rocas metamórficas afecta á subzona Val do Salnés ao seu paso polos concellos de Sanxenxo, O Rosal e Tomiño. Ademais, son bastante frecuentes nas cinco subzonas (Condado do Tea, O Rosal, Ribeira do Ulla, Soutomaior e Val do Salnés) os depósitos cuaternarios que poden ser aluviais ou aluvio-coluviais. Tamén na subzona do Val do Salnés, concretamente ao longo do río Umia, e no fondo da depresión meridiana que atravesa a comarca de norte a sur. Trátase de depósitos de gravas, areas e arxilas (en Sanxenxo, Meaño, Cambados e Ribadumia), e depósitos limo-arxilosos nas marismas da desembocadura do Umia.

Tamén nas subzonas do Condado do Tea e O Rosal existen abundantes depósitos sedimentarios recentes, entre os que destacan as terrazas dos ríos Louro e Miño. Ambas as dúas están relacionadas moi estreitamente e delas detectáronse sete niveis.

Finalmente, na subzona Ribeira do Ulla, os chans son fundamentalmente derivados de substratos graníticos. Nalgúns casos, a rocha nai é de carácter xistoso correspondéndose á ampla faixa de xistos que cruza Galicia de norte a sur pola súa zona central. Nas partes máis baixas do río existen chans aluviais constituídos por materiais de depósito arrastrados pola corrente.

Subzonas

A Denominación de Orixe Rías Baixas engloba cinco subzonas: Condado do Tea, O Rosal, Ribeira do Ulla, Soutomaior e Val do Salnés. Catro destas áreas atópanse situadas na provincia de Pontevedra, mentres que a subzona da Ribeira do Ulla está situada na provincia da Coruña. Todas elas apostan polas variedades autóctonas de cada zona, en especial a albariña, que representa máis do 96% da produción. Estas variedades autóctonas son resistentes á climatoloxía adversa propia da zona, e confiren unha calidade e orixe xenuínas a estes viños de marcado carácter atlántico.

A Denominación de Orixe Rías Baixas está condicionada polo minifundio propio de Galicia. Esta denominación actualmente conta cunha superficie de 4.047 hectáreas, repartidas en máis de 21.825 parcelas. As sabias e expertas mans dos seus 5.550 viticultores apostaron por unha viticultura tradicional, protagonizada polo sistema de emparrado, co que ademais podemos deleitarnos se visitamos as Rías Baixas galegas. 

Selo de calidade

As diferentes tipoloxías de produtos amparados pola Denominación de Orixe Rías Baixas contan cun selo de calidade, que os converte en viños únicos. Estes sinais garanten que estes viños superaron rigorosos controis antes de saír ao mercado. As tiriñas posúen un holograma, que as converte en infalsificables; e están numeradas, o que permite localizar a partida de viño á que pertence cada botella.

Antes de que os viños das Rías Baixas cheguen aos consumidores, o Órgano de Control e Certificación, tras a cualificación previa na adega, recolle unha mostra de cada depósito de viño que terá que pasar por un proceso de verificación, consistente nunha análise organoléptica e fisicoquímica, conforme á norma 17.065. Unha vez superado este rigoroso sistema de control, os viños obteñen o selo de calidade para saír ao mercado.