Volver

06 de Xuño

Os alumnos do Máster de Sumellería e enomarketing do Basque Culinary Center visitan a D.O Rías Baixas

Tras o COVID-19 recupérase a visita do  Basque Culinary Center á D.O. Rías Baixas. Esta inmersión nas adegas e viñedos desta denominación retómase coa mesma ilusión que cando se iniciou en 2012. Pero cunha novidade, nesta ocasión acoden once alumnos do “Máster de  Sumillería e  Enomarketing” do centro vasco, cuxa formación se centra no mundo do viño e, como non podía ser doutra maneira a D.O. Rías Baixas é visita obrigada polas súas propias características: a súa situación tan próxima ao Océano Atlántico; as súas variedades autóctonas, en especial a albariño; os seus sistemas de condución, maioritariamente o emparrado, así como o minifundio propio desta rexión. A iso hai que engadir que os Rías Baixas son un referente mundial dos viños brancos. Pero estes alumnos non só coñecerán os brancos de Rías Baixas senón tamén outras tipoloxías como os viños tintos, os espumosos de calidade e tamén elaboracións especiais.

Por iso a súa primeira xornada comeza na sede do Consello Regulador, onde un José Luis Martínez, técnico da D.O., impartiulles un seminario de formación sobre os viños da denominación. Tras esta introdución, os estudantes visitarán hoxe e mañá adegas e viñedos da D.O. Rías Baixas. Estas están situadas en tres subzonas: Condado do Tea, O Rosal e Val do Salnés.

A directora de Marketing da D.O. Rías Baixas explica que “para nós é importante estar en contacto directo cos futuros profesionais do sector do viño en España. Neste caso demos un paso máis, porque os alumnos que nos acompañan enfocaron a súa futura carreira profesional no mundo do viño, e teñen coñecementos previos deste sector en xeral, e na nosa denominación en particular. Estou segura que isto lles axudará a profundar máis sobre a Denominación de Orixe Rías Baixas”.