VOLVER

Os viños DO Rías Baixas

Esencia atlántica, innovación constante

Os viños da denominación de orixe Rías Baixas foron tradicionalmente viños sen crianza, malia que a evolución dos viños brancos DO Rías Baixas en botella recibiu o eloxio de numerosos críticos, sumillers, distribuidores e prensa especializada.

A acidez propia da variedade Albariño permite que os nosos viños prolonguen a súa vida con resultados moito mellores ca outros viños brancos, polo que a coexistencia de anadas, como acontece cos viños tintos, é cada vez máis frecuente e impulsouse polo consello regulador e as adegas.

Cada vez máis restaurantes con cartas de viño profesionalizadas ofrecen viños DO Rías Baixas de diferentes anadas. O propio sumiller, á hora de seleccionar o viño, en función da comida, xa aconsella cal é a anada máis axeitada segundo o tipo de menú e o momento.

A iso hai que engadir que nos últimos anos as adegas desta denominación apostaron por outro tipo de elaboracións, como a crianza sobre lías en depósitos de aceiro inoxidable, madeira, pedra e mesmo formigón. A eles súmase a crecente elaboración de espumosos; viños que acadaron cotas de maior popularidade e están presentes no mercado nacional e internacional.

Segundo o prego de condicións da D.O. Rías Baixas, os viños producidos e elaborados deben superar o proceso de verificación do consello regulador. Cada partida de viño que se produce na D.O. Rías Baixas sométese a un exhaustivo control, cunha análise química e organoléptica.

Tipos de viños Rías Baixas

Rías Baixas Albariño

O viño monovarietal Albariño Rías Baixas é o rei da nosa Denominación de Orixe, o máis producido, coñecido e consumido. Concentra a práctica totalidade (95 %) da produción de uva e viño da nosa Denominación de Orixe.

O prego de condicións da nosa DO establece que o viño Albariño Rías Baixas é un monovarietal elaborado exclusivamente con uvas da variedade Albariño de calquera das subzonas. Así que sempre que sexa Albariño Rías Baixas, será 100 % Albariño.

Variedade protexida

A uva Albariño cultívase noutras moitas zonas do mundo, pero é nas Rías Baixas, froito do terroir atlántico que nos caracteriza, onde acada o seu maior potencial. Por iso os nosos Albariños son únicos. Pero, sabías que o Albariño é a única variedade de uva especialmente protexida de España? Efectivamente, así é, polo que en España un viño só pode ser etiquetado como albariño se o prego da Denominación de Orixe á que pertence a adega inclúe a uva e o viño entre os seus límites permitidos.

Rías Baixas Condado do Tea

O Rías Baixas Condado do Tea é un viño multivarietal, elaborado con uvas das variedades Albariño e Treixadura e segundo o prego de condicións da nosa DO. A suma destas uvas debe acadar un mínimo do 70 % para ter a etiqueta Rías Baixas Condado do Tea. Pódeselles engadir calquera combinación das outras variedades brancas admitidas. Todas as uvas se deben producir dentro da subzona.

Rías Baixas Rosal

Outro dos viños multivarietais da DO Rías Baixas, que se elabora coas variedades Albariño e Loureira. A proporción de variedades deste coupage debe conter un mínimo do 70 % de Albariño e Loureira producidas na subzona do Rosal e pódeselles engadir calquera das demais uvas en proporción libre, sempre que se cultivaran no Rosal. Son viños de aroma intenso, cunha lixeira acidez, de sabores complexos, con aromas a froitas e flores.

Rías Baixas Val do Salnés

O Rías Baixas Val do Salnés é outro dos viños brancos multivarietais que, para que se etiqueten como tales, deben conter polo menos un 70 % de uvas da variedade Albariño. Mentres, o 30 % restante deberá incluír variedades admitidas e producidas na subzona do Val do Salnés. Como todos os multivarietais brancos das Rías Baixas, é un viño aromático, con boa acidez, con aromas a froitas e flores.

Rías Baixas Ribeira do Ulla

Viño branco multivarietal que, para a súa elaboración, debe conter polo menos o 70 % de uvas das variedades Albariño, Loureira, Treixadura e Caíño Branco. O 30 % restante poderá constituírse polas demais variedades admitidas dentro da DO e que se produzan na subzona da Ribeira do Ulla, pero co peso proporcional que desexe o viticultor. Son viños frescos e afroitados con aromas a flores.

Rías Baixas

A riqueza varietal das Rías Baixas pode acadar a súa máxima expresión cos Rías Baixas. Nesta etiqueta inclúense os viños que se elaboran a partir de calquera combinación das variedades de uvas brancas recoñecidas no prego de condicións da DO e que se produciran en calquera das cinco subzonas. Como os multivarietais, son viños cunha lixeira acidez, frescos e equilibrados, e cun retrogusto a froita.

Rías Baixas Barrica

Son viños elaborados na zona xeográfica a partir de calquera variedade branca autorizada que seguen un proceso de elaboración similar ao do resto de viños brancos, coa diferenza de que pasan un período de maduración en envases de madeira cun tamaño que non supera os 600 litros. Na etiquetaxe deberá indicarse o tempo, en meses ou anos, que permaneceu neses envases.

Rías Baixas Tinto

Os Rías Baixas tintos son viños elaborados a partir das variedades tintas recoñecidas polo consello regulador no prego de condicións da Denominación de Orixe Rías Baixas, e que se produciran en calquera das cinco subzonas. A tradición destes viños remóntase a unha actividade familiar baseada principalmente na subzona do Condado do Tea e que amosan a diversidade da nosa Denominación de Orixe.

Rías Baixas Espumoso

O Rías Baixas Espumoso é un viño elaborado con calquera das variedades recoñecidas, tanto brancas como tintas, que se produciran en calquera das subzonas, e que cumpra os límites analíticos estipulados no prego de condicións do consello regulador, a normativa nacional e comunitaria en canto aos viños espumosos de calidade e os que se establezan no manual de calidade. Debe elaborarse co método tradicional champenoise.

Investigación e perfil sensorial dos Viños Rías Baixas

Nun principio, a Universidade de Vigo e, máis recentemente, a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), levan varios anos desenvolvendo proxectos de investigación para definir o perfil sensorial dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, coa colaboración do panel de cata do consello regulador e do seu departamento técnico. Os primeiros resultados publicados pola Misión Biolóxica de Galicia (Vilanova et al. 2009, 2010), mediante a metodoloxía da análise sensorial descritiva cuantitativa (QDA) e baseándose na norma ISO 11035, describen o viño Albariño da D.O. Rías Baixas como un viño complexo a nivel aromático pola gran cantidade de descritores que o caracterizan, entre os que destacan a mazá, os cítricos, os florais (rosa), os froitos maduros e os herbáceos.