Volver

27 de abril

Viña Moraima, unha aposta pola variedade caíño na D.O. Rías Baixas

Afincada na subzona de Val do Salnés, esta cooperativa busca unha viticultura coa mínima intervención na viña. Traballan nun proxecto de recuperación da uva autóctona ratiño, non identificada ata hai ben pouco

 

Sacar o máximo proveito ao propio e crear valor engadido na zona. Dende o concello de Barro, no Val do Salnés da Denominación de Orixe Rías Baixas, nacía no 2005 a Cooperativa Viña Moraima, un grupo de viticultores que decidiron apostar por elaborar os seus propios viños en troques de vender a súa uva.

O finado José Bermúdez foi o primeiro en propoñer esta idea, nunha xuntanza que fixera na súa casa de Portela (en Barro) á que asistiron boa parte dos actuais socios. Daquela proposta inicial, confeccionouse un proxecto de cuxa posta en marcha da adega se encargou Fernando Rodríguez Pequeño. Na actualidade, esta cooperativa afincada en Barro conta con doce socios: Javier Cancela (presidente); José Manuel López (vicepresidente); Diego Rubianes (secretario); Roberto Rivas; José Benito García; Salomé Cancela; Manuel Fontán; Manuel García; José Bermúdez (fillo); Lucía González; Rubén López e Jaime Sartal.

En total, contan con arredor de 10 hectáreas de viñedos. “O 50% son de cepas vellas, case todas con máis de 50 anos e destas, moitas centenarias. Un feito diferencial importante é que son de patrón directo”, detallan dende a adega.

Coa idea de que “o viño se fai na viña”, dende Viña Moraima sempre tiveron claro que desenvolverían “unha viticultura minimalista”, indican. Que significa isto? “En resumo: Tratar menos e pasear máis por debaixo da viña. Facemos a mínima intervención con axentes externos (tratamentos) e detemos a enfermidade cando aparece e non antes. Para iso, aplicamos técnicas culturais como desfollados, aclareos ou poda en verde”, explican. Ademais, o seu profundo coñecemento e contacto permanente coas cepas permítelles previr posibles ataques de enfermidades da madeira.

Todos os socios son conscientes de que “contamos cun tesouro, as nosas cepas vellas (herdadas algunhas, recuperadas outras) e o noso Val do Trasumia, unha comarca tradicionalmente vencellada ao viño, aínda que non teña tanta sona como outras da Denominación de Orixe Rías Baixas”, aseguran dende Viña Moraima. De feito, e aínda que son conscientes da importancia do enoturismo, os primeiros pasos foron encamiñados á inversión en maquinaria para poder sacarlle o máximo partido á súa prezada materia prima.

Entre elas atópase a variedade caíño, “moi delicada e da que se foron cortando e abandonando unha chea de pés”. Froito do traballo con esta variedade tinta é o viño Moraima Caíño, que saíu ao mercado coa colleita 2013 e cunha produción de “pouco máis de 2.000 botellas, esgotadas en 6 meses”, concretan. Está elaborado con uva procedente de cepas vellas de patrón directo do concello de Barro. “Neste 2016 saíra a terceira colleita”, anuncian.

 

A este produto cómpre engadir dous Albariño Rías Baixas 100%: o Moraima, elaborado con uva de cepas vellas e patrón directo, maceración pelicular e crianza sobre lías, e o Aba de Trasumia, elaborado con cepas máis novas, “máis fresco e sen tanta complexidade coma o seu irmán maior”, concretan dende esta adega.

Aínda que a súa produción se atopa entre os 50.000 e os 70.000 litros anuais, os viños de Viña Moraima xa están presentes en varios países de Europa e América. Dende a cooperativa amósanse moi emocionados por ver como as novas xeracións “se unan atraídos polo noso concepto de adega”, polo que o relevo está máis ca garantido. “Aportaron non só ideas, senón forzas e gañas de traballar e afondar nun proxecto que non por pequeno é menos coñecido”, afirman. Especial mención cómpre facer tamén aos enólogos desta adega, Roberto Taibo e Cristina Yagüe, esta última responsable do caíño, “que son unha parte fundamental do equipo”, aseguran.

Investigación co CSIC para recuperar a variedade ratiño

No seu interese por poñer en valor o autóctono, dende Viña Moraima traballan nun proxecto de I+D+i en conxunto coa Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) pola recuperación da variedade ratiño, “unha uva senlleira e autóctona non identificada ata hai ben pouco e que por ese motivo non está catalogada no MAGRAMA como vinificable”, explican dende esta adega. Dende a Misión Biolóxica traballan, pois, na súa caracterización ampelográfica e dende Viña Moraima, na súa vinificación, “co obxectivo de recuperar e comercializar outro tesouro máis dos que agocha a nosa terra”, engaden. Ademais, iniciáronse os trámites ante a Denominación de Orixe Rías Baixas para “a inclusión da ratiño entre as variedades autorizadas. Estamos moi ilusionados con este proxecto e agardamos poder presentalo pronto”, conclúen.

A maiores, dende Viña Moraima traballan coa a que será a súa primeira crianza en madeira. “Será un tinto, o caíño, que xa leva uns meses en carballo”, explican. A outra iniciativa que están a desenvolver dende esta cooperativa comprende a elaboración dunha selección de colleita a partir dunha reserva de parte da colleita do 2015 do Albariño Rías Baixas de Moraima.

Visitas guiadas

O singular proxecto vitivinícola de Viña Moraima está aberto aos visitantes. Así, ofrecen diversos packs, que van dende unha visita pola adega que remata cunha degustación dos seus viños ata un completo roteiro de catro horas con guía turístico por Pontevedra.

Ademáis, contan coa posibilidade de percorrer o concello de Barro durante unha hora e media, e tamén Caldas de Reis e Campolameiro. Todas as opcións inclúen a visita e degustación na propia adega. Estas actividades débense solicitar previa cita mediante o teléfono 986 711 206 ou a través do e-mail contacto@adegamoraima.com.