A Denominación de Orixe Rías Baixas recibe un grupo de prescriptoras estadounidenses


Son tres sumilleres, unha xornalista especializada e unha consultora, que ata o xoves percorren diferentes subzonas Esta mañá participaron nunha cata de viños na sede do Consello Regulador e durante a súa estadía visitarán un total de oito adegas da Denominación de Orixe

9 de maio de 2017.- Un grupo de cinco prescriptoras estadounidenses iniciaron unha visita á Denominación de Orixe Rías Baixas, co propósito de coñecer con maior profundidade os viños que se elaboran en diferentes subzonas. Trátase de tres catadores e dúas xornalistas especializadas, procedentes de diversos puntos do país americano, concretamente de Boston, Los Ángeles e Denver.

Esta mañá, as cinco participaron nunha cata de viños no Pazo de Mugartegui (Pontevedra), sede do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas. Nela, puideron degustar e avaliar 40 marcas de viños pertencentes a 27 adegas, que se atopan dentro dos plans de exportación da denominación no devandito país. A gran maioría dos viños catados (32) pertencen á colleita de 2016, mentres que catro son de 2015, un de 2013 e dous de 2010. A sesión completouse coa cata dun espumoso con D.O. Rías Baixas.

Durante a súa estadía, que se prolonga ata o vindeiro xoves, as visitantes percorrerán as subzonas do Salnés, O Rosal e O Condado. En conxunto, acudirán a oito adegas, nas que lles explicarán en profundidade o proceso de elaboración dos viños da denominación, co obxectivo de descubrir a climatoloxía propia desta denominación, os diferentes perfís de viño segundo as subzonas, tamén se busca coñecer ao adegueiro e a súa filosofía, así como as posibles maridaxes destes viños coa gastronomía local: "Non en balde, a variedade albariño está a coller moito auxe en Estados Unidos e preséntase como a alternativa ao chardonnay", engade Natasja Mallory.

As participantes nesta viaxe son: a catadora Elizabeth Kelso, do establecemento Wally Wine and Spirits (Los Ángeles, California); Elizabeth Booth, catador do Edge Restaurant and Bar (Denver, Colorado); Olivia Moravec, catador e mánager xeral do restaurante Craigie on Main (Boston, Nova Inglaterra), ademais de escritora e fotógrafa de temáticas vitivinícolas; Stacy Slinkard, xornalista freelance que publica en medios como The Daily Meal, New York Times ou Epicurean; e Liza Zimmerman, consultora de viños con máis de dúas décadas de experiencia que posúe o diploma Wine and Spirits, certificado previo ao título de Master of Wine.

Mallory explica que "coñecen os viños de Rías Baixas, pero loxicamente todas as marcas non, porque aínda que estes viños estean presentes xa en Estados Unidos se cadra non se atopan no seu estado. Por iso son tan importantes estas xornadas de traballo".

Principal mercado de exportación

Estados Unidos é o principal mercado exterior para os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, cun crecemento sostido. En 2016, o 38,55% do viño exportado polas adegas da denominación tivo como destino o país americano. Ata ese mercado foron 2.468.535,50 litros, cando en 2015 foran 2.084.955,5 litros. Isto supón un incremento do 18,4%.

O Consello Regulador da D.O. Rías Baixas conta cun plan específico de promoción en Estados Unidos, que entre outras accións desenvolve eventos específicos en establecementos gourmet das principais cidades estadounidenses, seminarios formativos entre profesionais relacionados co mercado do viño, ou misións inversas que permiten a críticos, restauradores e importadores o coñecemento directo da denominación.