A D.O. Rías Baixas organiza un túnel do viño con máis de 85 marcas dentro do Vigo Sea Fest


O Tinglado do Porto vigués acollerá o espazo expositivo os días 7, 8 e 9 de xullo

5 de xullo de 2017.- A Denominación de Orixe Rías Baixas organiza un Túnel do Viño dentro do Festival ARVI do Peixe, Vigo Sea Fest, que se desenvolverá entre os días 7 e 9 de xullo. O Consello Regulador contará cun amplo espazo expositivo que se habilitará na Andrómena do Porto vigués (detrás do edificio da Xunta).

Este festival supón unha gran oportunidade para reforzar o coñecemento sobre a ampla variedade de elaboracións dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas, non só entre os propios cidadáns de Vigo, senón tamén entre os miles de turistas que reciben durante a época estival, indica a directora do departamento de Márketing do Consello Regulador, Eva Mínguez.

Serán un total de 87 marcas pertencentes a 36 adegas as que se poderán degustar neste Túnel do Viño. Un catador profesional encargarase de asesorar a todos os asistentes á hora de buscar aquel produto que se adapte máis ás súas preferencias. Contaremos con viños brancos, tintos, espumosos e con elaboracións especiais, todas elas amparadas baixo o selo de calidade e orixe de Rías Baixas, engade Mínguez.

O horario de apertura será durante as tres xornadas do festival de 12.00 a 15.00 e de 19.00 a 22.00 horas, buscando facilitar a asistencia. O prezo da entrada é de 10 euros por persoa e pódense adquirir no propio recinto.

Desde o Consello Regulador esperan que esta cita rexistre un gran éxito de convocatoria. Ademais, agradecen á organización do Festival ARVI do Peixe que contasen coa súa colaboración como veu de referencia dunha cita na que os produtos do mar, que maridan á perfección cos Rías Baixas, serán os grandes protagonistas. Nós Comunicación, C/ Entrerríos. Edificio Mahía 8, Portal 2, 2º A – 15.220 Bertamiráns Tel. 981 89 78 22 Tel y Fax 981 94 01 87 - Loreto Vázquez, Mv 629 629 852