A D.O. Rías Baixas recibe a visita de Victoria Mason, profesional de compras da cadea de supermercados Waitrose


3 de xullo de 2019.- A D.O. Rías Baixas acolleu esta semana a visita de Victoria Mason, que forma parte do equipo de compra da cadea de supermercados Waitrose desde 2016. A visita prodúcese a raíz dunha iniciativa desenvolta por Vinos de España (ICEX), que outorgou unha bolsa a Mason por ser unha das estudantes máis destacadas do Wine & Spirits Education Trust (WSET) Diploma, e que lle permite percorrer distintas Denominacións de Orixe do país para afondar no seu coñecemento sobre os viños españois.

Esta Denominación de Orixe foi unha das escollidas por Victoria Mason. Durante a súa visita ao Consello Regulador, na que estivo acompañada pola xefa de sector ICEX Galicia, Isabel Fernández, e o xefe de sector de Vinos de España, Pedro Flores, tivo a oportunidade de catar un total de 19 marcas doutras tantas adegas inscritas. A maioría delas pertencen á Colleita 2018, se ben tamén puido degustar viños de garda das colleitas 2013 e 2010.

Colaboración do ICEX con WSET

Vinos de España colabora desde hai varios anos coa WSET, organización líder no desenvolvemento e impartición de cursos de viños e bebidas espirituosas desde hai cinco décadas, e o maior provedor mundial de cualificacións deste sector. Desde o ICEX establecen distintos tipos de colaboracións con esta entidade co fin de ampliar o coñecemento sobre os viños españois entre os profesionais do sector a nivel internacional.

Nesta liña atópase a bolsa da que é beneficiaria Victoria Mason e que lle permite descubrir a través desta viaxe as Denominacións de Orixe españolas que escolla. Entre as súas preferencias atópase a D.O. Rías Baixas. Con este percorrido puido incrementar a súa visión sobre estes viños atlánticos co propósito de telos en conta á hora de efectuar futuras seleccóns de compra para o portfolio de Waitrose.